Cando empecei este blog non foi para satisfacer algún obxectivo en concreto ou ánimo máis alá de practicar o meu idioma. Mais a cousa cambiou moito dende a primeira entrada que fixen. O principal cambio é que estou na cidade de A Coruña por un traballo temporal coma profesora de FP media, cousa na que intento sobrevivir xa que a falta de experiencia nótase e tiven sorte de atender clases nas que ao menos, podo aprender pola miña conta. Entendo tamén que é unha situación excepcional: COVID e problemas de desprazamento e alugueres que fan que eu deixara o posto 50 da lista e puidese dar clases a día de hoxe.

Tamén neste tempo estiven preparando un proxecto moi emocionante para mín: a creación dun server de rol en galego con dous entusiastas rolegos (mellor palabra que roleiros). Foi en decembro cando xogamos a que sería a primeira partida inaugural do actual server de VasDado e extendéronme tras iso unha invitación para ser parte del. Gústame moitísimo xogar e dirixir e o certo que melloro moitísimo expresándome neste idioma (aínda que cometo erros pola falta de práctica todavía) así que quero seguir facéndoo.

Gústame organizar xornadas, eventos e servidores. O problema que sempre tiven con isto é que son cousas que non funcionan en solitario. Sempre requires de máis mans, sexan ou non experimentadas, para que o proxecto non morra á primeira semana. A organización debe ser parte activa do que están a preparar. Se queres que un server de rol funcione debes ser a primeira persoa que xogue nel. Regra de primeiro de facer servers de rol, onde vai parar.

Con VasDado as cousas están indo de marabilla: charlas, obradoiros, partidas e agora xornadas. Hai moita xente nova que non coñecía e que están participando nas canles públicas: hai moito interese en xogar connosco. E iso, iso é fermoso. É un éxito abraiante para unha proposta tan de nicho como un server de rol para galegofalantes e neogalegofalantes.

Tiña moito medo coa acollida das partidas. Conseguimos sete, uff, menos mal, sete partidas para as xornadas. Despois o reto de encontrar a xogantes e nestes momentos pódense xogar cinco delas, así que a cousa está a cumprir expectativas e é un alivio. Tamén hai moito curro: formas de publicitar unha actividade así, formas de expandir ámbitos interesados en participar, e en xeral, cómo poder chegar ao maior número de galegofalantes. E o estamos a conseguir. É que o molamos todos.

Eu levo a miña partida de Ryuutama feat. O príncipe dragón, que está moi chula e é moi divertida, coa posibilidade de coñecer adorables dragóns e loitar contra humanos malos malosos. Tamén apunteime a Dungeon World o domingo, aínda que son moi reticente a xogar xogos de fantasía máis tolkenianas, pero o certo é que teño moitas gañas de xogar con Xerbud, o meu compi de server.

Fixemos máis cousas ademáis de preparar as xornadas: un obradoiro do xogo Los secretos del mundo mágico, dúas charlas, e levamos un puñado de partidas e estamos a programas xa cousas máis alá das datas das xornadas. Cada vez máis cerca de que haxa propostas de fora da administración, porque interese, haino.

Moitas grazas por todo, xentes de VasDado.

Categorías: Rol en galego

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario